Thursday 02 de May de 2024

O BNG de Oleiros organizará un paseo informativo de concienciación na Zona de Especial Conservación- Rede Natura- Reserva da Biosfera- Monumento Natural da Costa (des)protexida de Dexo


Iván Roca, Concelleiro do BNG “Queremos amosar os graves riscos que grandes probas masivas e absolutamente invasivas poden provocar en ecosistemas tan fráxiles como o da Costa (des)protexida de Dexo. Demandamos activamente a suspensión definitiva do Trail. Ademais, detectamos novos camiños na zona, que nos preocupa que puideran abrirse para o trazado do trail, cousa que comunicamos ao Concello”.

Á andaina asistirán representantes do BNG no Parlamento Galego e no Concello de Oleiros, e serán convidados os medios de comunicación, grupos ecoloxistas e a veciñanza

Faltan 12 días para que teña lugar (celebración ningunha) no Monumento Natural da Costa (des)protexida de Dexo o “IX Costa-Trail de Oleiros”. O BNG de Oleiros vai organizar unha andaina informativa o vindeiro domingo 19 de marzo, ao cal estarán convidados a participar os medios de comunicación, a veciñanza e representantes de entidades ecoloxistas. Asistirán representantes institucionais do BNG no Parlamento Galego e no Concello. A participación será reducida, un pequeno e limitado grupo que en ningún momento abandonará os camiños previamente trazados. O grupo será dirixido polo guía local Franqui Illanes, experto coñecedor do Monumento, sensibilizado coa protección e defensa do mesmo, que desenvolve este tipo de actividades con asiduidade e co único obxectivo de concienciar coa necesaria protección da Costa de Dexo. Este será o obxectivo do paseo, concienciar, informar e advertir dos riscos que existen para o patrimonio cultural e ambiental, nomeadamente no Castro das Rozas e na importante e diversa reserva de flora e fauna que este Monumento Natural posúe. Lembremos que nos atopamos ante unha zona de referencia de colonias de aves mariñas na Galiza, que alberga 82 especies de aves, 57 das cales son especies que aniñan, nomeadamente na especie de corvo mariño cristado, especie para cal a Costa de Dexo é a zona costeira máis importante da Península. O Trail prevé a asistencia de 350 persoas correndo a escasa distancia de niños activos, e en pleno período reprodutivo ou con pitos de poucos días, que poderían causar danos graves e irreparábeis.

A día de hoxe non temos constancia de ningún tipo de autorización ou supervisión por parte da Xunta da Galiza, non se sabe cal foi a intervención preceptiva de Medio Ambiente e Patrimonio, non son públicas as medidas que se van tomar para protexer a biodiversidade e patrimonio ameazados ou as medidas de control anteriores e posteriores á celebración do mesmo.

A día de hoxe, a única información que temos de parte da administración autonómica foi a resposta da Xefatura Territorial da Consellaría de Medio Ambiente da Coruña á consulta elevada por parte de veciñas de Dexo, na que a devandita Xefatura manifestou, vía correo electrónico, descoñecer absolutamente a existencia dun Trail na Costa de Dexo, mesmo manifestando que nesa institución non consta ningunha solicitude a ese respecto.

Co obxecto de aclarar a situación, o BNG no Parlamento galego demandou toda a información sobre o Trail “fantasma” que terá lugar na Costa (des)protexida de Dexo. As nosas parlamentarias solicitaron respostas claras sobre a propia celebración do IX Trail, sobre se a Xunta coñece o trazado polo miúdo da proba, sobre a solicitude por parte da empresa organizadora de atravesar a totalidade do Monumento natural da Costa Protexida de Dexo, acerca de se existe autorización por parte da Xunta, se esta proba é compatíbel coa devandita catalogación de Zona de Especial conservación (ZEC) Rede Natura Costa de Dexo, catalogada ademais, ao abeiro do Decreto 101/2000, como Monumento Natural e Zona de Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesa e Terras do Mandeo”, tamén se inquire sobre a existencia de informes de medio Ambiente e Patrimonio á vista da especial sensibilidade da zona en ambos os dous eidos, e finalmente demándase información das medidas que se van tomar para a protección do Patrimonio cultural e natural, alén da solicitude da inmediata suspensión da proba dado o invasivo da proba e a necesaria priorización do devandito Patrimonio descrito.

O BNG de Oleiros, após a súa solicitude de acceso ao expediente ou á documentación existente, foi informado por parte do Concello de Oleiros de que o organizador do Trail é un club privado. O Concello é consciente da sensibilidade da área protexida e é competente para autorizar a proba por decorrer por un só termo municipal. Porén, só dará o visto e prace á proba se concorresen as demais habilitacións, permisos ou autorizacións que fosen preceptivos. Si temos, pois, confirmación por parte do Concello de Oleiros de que non van ser abertos novos camiños e de que no caso de desenvolverse o Trail por propiedade privada sería con autorización dos veciños propietarios. O Concello supervisará o trazado, aínda por concretar, do Trail aos efectos de garantir estes aspectos.

O BNG informou ao Concello da existencia de camiños de posíbel recente apertura que poderían, presuntamente, ser empregados como parte do trazado do Trail e en zonas que poderían ser de especial incidencia.

Dende o BNG, demandamos máis unha vez á Dirección Xeral de Conservación da Natureza que reconsidere se é o máis acaído para unha zona protexida destas características que 350 persoas corran en pleno período de aniñamento de aves pola totalidade do Monumento Natural, fixando novas sinalizacións que en moitos dos casos fican e non se retiran, alén de todos os traballos preparativos previos e posteriores á propia proba. Demandamos, pois, a inmediata suspensión do Trail e que non volva ter lugar na até o de agora Costa (des)protexida de Dexo, Zona de Especial conservación (ZEC) Rede Natura Costa de Dexo e Zona de Reserva da Biosfera, cuxas proteccións oficiais na práctica non equivalen a nada. Dende o BNG ofrecémonos para procurar itinerarios alternativos ao lugar máis sensíbel e digno de protección do Concello e dos máis importantes da Galiza.

Tamén dende o BNG queremos insistir máis unha vez en deixar claro o noso máis absoluto apoio e compromiso coa actividade física, o deporte e as competicións deportivas de todo tipo que teñan lugar no Concello; é máis, promovémolas e alentámolas: carreira si, mais non así, nun Monumento Natural.